CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Os 360 equipos Voz Natura deste curso finalizan os seus traballos


Oficialmente, este mes os 360 centros educativos e asociacións ambientais que participan en Voz Natura finalizan os seus proxectos. Só oficialmente, porque na práctica, e a pesar de presentar xa a memoria final, profesores e alumnos seguen traballando ata que acaba o curso. As actividades ambientais son, para eles, unha materia máis na que traballan con gusto ata que se despiden das aulas.

Despois de nove meses de dedicación, a pegada Voz Natura está marcada nos ecosistemas de Galicia. Nos montes -cuxa preservación foi o tema central desta edición- realizáronse reforestacións, limpezas e recuperacións de terreos queimados. Nas últimas semanas, os equipos intensificaron as limpezas de praias, ríos e outros espazos naturais. Nas aulas, a reciclaxe estivo moi presente e moitos equipos anticipáronse xa ao tema central do próximo curso: a eliminación dos plásticos. 

Últimas horas para o concurso de vídeos
Mañá martes, ás 12.00 horas, péchase o prazo para presentar vídeos no concurso que Voz Natura está a desenvolver a través da súa páxina en Facebook. As creacións deben mostrar un resumo das actividades ambientais realizadas durante este curso ou unha actividade concreta. O certame está aberto a todo o mundo, participe ou non no Voz Natura, o programa ambiental de La Voz de Galicia, desenvolto pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. Na propia páxina de  Faceebook onde se xestiona o concurso, pódense consultar as bases completas. 

Media hora despois de que se peche o prazo de participación mañá, abrirase o de votacións públicas. Os cinco vídeos con máis votos serán os finalistas e, entre eles, un xurado escollerá ao gañador.  #FaiGaliciaVerde.