CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

O  Muncyt ofrece visitas virtuais, actividades e charlas educativas en liña


En tempos de pandemia, móbiles, tabletas e computadores. Con maior ou menor rapidez de conexión. Pero ninguén se resigna a quedar parado. En Voz Natura, menos. E os centenares de centros que están nese programa, aínda menos. E os museos? Pois algúns como o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía ( Muncyt) souberon adaptarse con rapidez a estes tempos novos e tan diferentes. Que alguén quere coñecer as instalacións coruñesas, próximas á praia de Riazor? Pois pode facelo sen ningún problema, debido a que ten á súa disposición visitas virtuais e actividades en liña.

Con esa perspectiva de traballo, a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía activan, un ano máis, o programa de visitas guiadas e talleres educativos no   Muncyt da Coruña, para os centros participantes na actual edición de Voz Natura.

Froito desa colaboración van ser as visitas e talleres para os centros de Voz Natura, pero, como é lóxico nestes momentos, en formato virtual. Pero hai máis. Un dos itinerarios temáticos que ofrecen desde o  Muncyt é específico de Voz Natura. En efecto, baixo o lema Coidar a nosa contorna é o bo camiño os alumnos realizarán unha actividade participativa e crítica na que diversas pezas relacionadas cos medios de transporte, o uso da enerxía e a evolución dos materiais van servir de base para abrir un debate centrado nos efectos contaminantes da tecnoloxía na nosa contorna. Ou noutras palabras e para comezar polo principio, existen ou non eses efectos contaminantes?

A iso hai que sumar as charlas educativas, que está claro que serán por videoconferencia a través dunha URL enviada polo propio museo. Temática? Moi variada. Conferenciante? O divulgador científico Manuel Vicente. Prazo? Ata o mes de maio.

Todo está previsto. Ata a dispoñibilidade e as reservas, que poden facerse a través do correo electrónico reservascor@muncyt.es ou do teléfono 689 578 727. E é que, con virus ou sen el, no  Muncyt están dispostos a seguir dando a batalla co seu slogan Explora, descobre, crea.