CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

A ciencia expandiuse este mes polas aulas co apoio de Voz Natura


Para ser sinceros, todos deberían ser días da ciencia, porque sen a ciencia o ser humano seguiría vivindo en covas. Pero ese mesmo ser humano, co paso dun millón longo de anos, declarou mes da ciencia este novembro que finaliza. Como todos os novembros, vaia. O día 10 foi o día grande en todo o mundo, e á riada de actividades uníronse, por exemplo, os Museos Científicos Coruñeses.

Non só eles. Ducias de colexios adscritos ao programa de Voz Natura non perderon a oportunidade para traballar, de xeito conxunto alumnos e profesores, nos máis variados aspectos científicos. Algúns dan a falsa impresión de que fixeron pouco, como o IES Sar de Santiago: só unha conferencia en liña. Pero é que ese é un centro que, baixo o impulso -ao que se ve infinito- do profesor Leopoldo Bahíllo, non para: teñen a revista científica Landras, fan saídas constantemente, estudan a vexetación da contorna, un grupo traballa con protección de animais (nova iniciativa deste ano), outro se meteu de cheo na astronomía (outra deste curso)… « Pouco a pouco», di o profesor, quizais sen ser consciente do moito traballo que dirixe e anima. Todo un exemplo.

María Arjiz, do Colexio Miraflores de Pereiro de Aguiar (Ourense), non desaproveitou a oportunidade, e con motivo da celebración, e nas diferentes etapas do centro, «estamos a levar a cabo proxectos e experimentos tanto disciplinares como interdisciplinares que abordan aspectos da ciencia». Seguen a metodoloxía STEM, e «grazas ao # ecoretolimpiamos de Voz Natura do mes de outubro o alumnado de secundaria está a construír un túnel sonoro que utilizarán os máis pequenos do colexio».

Máis ao norte, os CPI de Cervantes, Uxío Novoneira e Poeta Uxío Novoneira (estes dous últimos, en Pedrafita) traballan xuntos nun ambicioso proxecto de investigación científica. Tras varios intentos, Lourdes González ponse ao teléfono. «É que estou de saída cos alumnos», di. E realmente a muller non para. Entre outros obxectivos, están a calcular a densidade de jabalíes empregando técnicas de fototrampeo, andan coa creación dun satélite grazas ao apoio de Ibai Quinteiro, profesor de Tecnoloxía, e participan no Foro Internacional de Investigación. Seis alumnos son a punta en lanza, pero trátase de activar a todos os dos tres centros. Voz Natura está aí, pero o monumento hai que facerllo a uns profesores tan entregados.

E así, día a día e coa ciencia como bandeira este mes, traballan os colexios adscritos a Voz Natura, unha iniciativa de La Voz de Galicia e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, e que conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces.