CAST | GAL

Vixésima segunda edición (2018-2019)

A verde esperanza pinta a natureza galega

 
Galicia sempre foi un territorio recoñecido e vinculado fóra das súas fronteiras, canto máis polos propios galegos, ao verde das súas praderías e a riqueza da súa vexetación. Pero esta pide ser coidada. Os turistas que se desprazan ata Galicia non o fan só pola súa comida que tamén, senón pola tranquilidade e a alegría que desprende a beleza dos seus recunchos.

Voz Natura ten moi presente esta  casuística, polo que cada ano escolle un tema relacionado coa natureza e convida os colexios a participar no desenvolvemento do mesmo. A resposta é moi positiva e  enorgullecedora.
 
Este ano, o enfoque púxose no coidado, a preservación e a valorización dos terreos forestais. Son cuantiosos os incendios que están a atacar os montes e os bosques galegos, polo que estes espazos demandan atención urxente. Unha boa práctica para iso é a repoboación, a limpeza dos lugares e a posterior  replantación das especies autóctonas.

Con motivo do Día Mundial da Árbore, e seguindo a liña da temática escollida, os colexios galegos involucráronse especialmente o pasado xoves nas súas tarefas ecolóxicas. Tanto foi así que a xornada lectiva dos mozos transcorreu entre terra e árbores.

Sen ir máis lonxe, os alumnos do CEIP Cruz  Budiño (O Porriño) repoboaron un monte destruído polo lume con cerdeiras, mentres que o CEIP Celso Currás (Trabada) plantou árbores autóctonas e arbustos de froitos vermellos, e pola súa banda o colexio CPR  Marcote (Cabral, Vigo) reforestó un bosque en Gondomar.

O CEIP de Seixalbo (Ourense) tamén plantou árbores no centro, pero decidiu innovar e puxo aos nenos para bailar unha danza ao redor dunha destas plantas simbolizando unha «invocación do espírito da natureza».

En Ponte Caldeas, os estudantes do CEIP A Reigosa plantaron, nun acto solidario, 200 árbores, e en Ponteareas o colexio CPR Plurilingüe A Inmaculada plantou 75 no monte  Picaraña para «reivindicar a importancia da riqueza forestal», ao mesmo tempo que o CEIP  Agro do Muíño (Ames) repoboaba os terreos do concello. En canto aos pequenos do CPR Jaime Balmes (Noia), tiveron unha mañá axitada repartindo plantas do viveiro do propio centro polas rúas de Noia. A finalidade deste labor non era outra que conmemorar o Día Internacional dos Bosques». Mentres tanto, en Pontevedra, un novo colexio afloraba dentro dos participantes de Voz Natura. Trátase do CRA de Meis, que ten previsto dar as primeiras rabexadas no programa mediante a replantación. #FaiGaliciaVerde.