CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

O portavoz do comité científico de Voz Natura visita os centros educativos de Ourense


Os veteranos xa saben a resposta, pero os recentemente chegados ignórana e fan a pregunta lóxica: Quen está detrás de Voz Natura? Trátase, nin máis nin menos, que dun programa de La Voz de Galicia e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, e que conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, O Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces.

Pero e as persoas? Porque as persoas son fundamentais, en Voz Natura e en todas partes. Sen elas, sen os profesores que se deixaron a pel nestes meses moi duros, sen os alumnos, sen os traballadores da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e sen os membros do comité científico, nada tería sentido.

Entón xorde a seguinte pregunta: e quen son os membros do comité científico? Aquí están: Ramón Núñez, José Antonio Díaz, Antonio  Prunell, Marcos Pérez, Marisa Castro e Elvira  Sahuquillo, ademais do seu portavoz, Alejandro Díaz. 

Foi Alejandro Díaz o primeiro en botarse á rúa nada máis comezar as clases. «Vou visitar todos os centros, os 365», foi a súa concisa despedida uns días despois de que abrisen as súas portas.
E vai cumprindo obxectivos: os de Ourense, que suman medio centenar, xa o recibiron cos brazos abertos e asesorounos sobre o programa Voz Natura. «Non quero citar a uns e esquecerme de outros», di, pero inmediatamente engade que quedou impresionado polo CRA de Monterrei: «É a primeira vez que participan e tiñas que ver a súa activa Patrulla Limpiamundos, que xa puxo o parque do seu pobo no punto de mira». E pola constancia dun veterano que é un valor seguro, o María Inmaculada de Verín: «Organizan unha actividade que non é habitual, sobre áreas recreativas que van limpar e onde van recuperar contornas».

O visitar xa ese medio cento de centros dálle a Alejandro Díaz una certa perspectiva. A piques de meterse de novo no coche para continuar as súas roldas por Galicia, cre que «nos colexios hai ganas de saír despois da pandemia, de retomar a acción directa, e ese é o noso forte, porque o ano pasado custou moito máis».

E insiste: «Están a tentar volver á normalidade e saír, pero tamén levar adiante accións que quizais non sexan as máis rechamantes, como aforrar enerxía e auga, apagar luces,... Pero son as que marcan a diferenza».