CAST | GAL

ACTUALIDADE

Volver

 

Voz Natura celebra o seu 25 aniversario con accións especiais polo medioambiente


Hai 25 anos, Voz Natura chegaba ás aulas de centros educativos de toda Galicia. O programa de educación ambiental creado por La Voz e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e patrocinado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces nacía con dúas premisas: concienciar aos máis pequenos sobre a importancia de preservar a natureza e levar a cabo acciones desde as aulas. Hoxe, un cuarto de século despois, esa misión segue máis presente que nunca e xa son 365 os centros adscritos ao programa.

Ademais, para celebrar este aniversario tan especial, Voz Natura quere ir un paso máis aló e planeou varias actividades complementarias aos traballos realizados en cada aula. Repartidas ao longo do curso, as iniciativas terán como base os tres piares do programa: comunidade, continuidade e difusión.

Acción comunidade

Implicación social. Cun evento especial en cada unha das provincias, Voz Natura busca trasladar o programa das aulas á rúa para implicar á contorna dos nenos no coidado do ecosistema. Así, familias, asociacións veciñais e diferentes entidades locais sumaranse ás actividades de reforestación e limpeza de praias, montes e ríos.

Pasar a testemuña

Continuidade no programa. A pandemia obrigou a cancelar moitas actividades da anterior edición. Por iso, e co Xacobeo como pano de fondo, retomarase o tema do curso pasado, co Camiño de Santiago e a protección dos seus espazos como protagonistas. Os centros escollidos realizarán cinco etapas do Camiño Portugués, desde A Guarda a Santiago, e pasaranse a testemuña uns a outros ata a súa chegada á capital. Varias camiñadas polas demais vías do histórico itinerario complementarán esta actividade.

Eco-retos

Compartir os logros. O obxectivo final do programa é visibilizar as accións dos nenos e non facelo só desde o xornal, se non que sexan eles mesmos quen comparta os seus proxectos. Así nacen os eco-retos. Cada mes, Voz Natura propoñerá unha tarefa de protección ambiental que superar e anima a centros, e tamén ao público en xeral, a que difundan os seus logros a través das redes sociais. O tema elixido para outubro é limpar a natureza e xa son moitos os grupos que se están compartindo as súas fazañas con toda a comunidade Voz Natura.