Xacobo de Toro

Nos cuentas una experiencia/proyecto/iniciativa que te influyó especialmente para innovar en tu forma de educar? Elige lo que quieras

Decidín darlle unha volta a como estaba dando as clases á semana de comezar a miña docencia no 2007. Xusto comezara a miña andaina como profesor substituto de Bioloxía e Xeoloxía e decateime que estaba usando o mesmo tipo de recursos didácticos que empregaran comigo 20 anos atrás. Estes estaban ben, pero pensaba que a experiencia docente podía enriquecerse moito máis.

Cavilei que usar audiovisuais e pequenos clips de vídeo de ciencias, que algúns usuarios e investigadores comezaban a colgar daquela no YouTube, podían ser de axuda. O problema era que, por aquel entón, non había nin ordenador, nin canón proxector nas aulas. Así que co primeiro soldo merquei un reprodutor DVD portátil que podía conectar a unha televisión de tubo vella e grandota que había no centro. A vantaxe daquel aparato de DVD é que tiña unha entrada para USB e deste xeito podía poñerlle ao alumnado vídeos que descargaba de internet ou as miñas presentacións de diapositivas que convertía en imaxes. Iso supuña daquela unha gran diferenza e o alumnado estaba encantado coa incorporación de pequenos clips de temática científica. O malo é que tiñamos que transportar este armatroste empurrandoo de aula en aula, pero ben é certo nunca faltaron mans voluntarias para axudar. 

Visto o éxito, comecei a traballar cada vez máis co audiovisual na aula e facer os meus propios materiais didácticos neste soporte colaborando con outros profesores/as e co meu alumnado en diferentes proxectos educativos cos que co tempo e o paso dos anos, acabariamos incluíndo drons, realidade aumentada, imaxes e vídeos en 360 ou a impresión 3D para estudar e comprender a paisaxe e a xeoloxía. Todo isto que comento, materializouse no proxecto XeoClip e grazas a traballar man a man con excelentes compañeiros/as de diferentes materias que agora estamos en centros diferentes. Penso que establecer sinerxias con compañeiros e traballar con proxectos é fundamental, non só no mundo da educación, por suposto.

Pero se houbo algo me marcou ao inicio. Foi cando no 2010 tiven a oportunidade de participar nun proxecto que naceu no seo da Fundación Barrié chamado EducaBarrié. Formei parte dun grupo de profesores que asesoramos á Fundación na proposta de actividades, cursos, materiais didácticos …durante 5 anos. Reuniámonos unha vez ao mes profesorado que impartía todos os niveis académicos e disciplinas. Ter a oportunidade de escoitar e contrastar opinións de compañeiros/as docentes e educadores/as, que levaban moito máis tempo na profesión e tiñan máis experiencia, foi unha escola fantástica para min e moi enriquecedora. Abriume os ollos para entender a miña profesión moito mellor.

¿Nos cuentas una anécdota?

Coido que a maior anécdota que me aconteceu na vida foi cando me vín involucrado no salvamento dun palangreiro vasco en Irlanda do Norte. Isto aconteceu á semana de chegar á Portaferry como becario doutoral nun centro de investigacións mariñas.

Unha compañeira norirlandesa do laboratorio, voluntaria no servizo de rescate marítimo, chegou correndo ao hostal no que me aloxaba. Solicitaba a miña axuda para a tradución dunha serie de ordes de inglés ao castelán. Había un barco no mar que estaba sendo remolcado en dirección Belfast por unha avaría no motor e precisaban achegarlle unha serie de ordes e manobras, pero seica o capitán non daba sinais de comprendelas ben.

Cando chegei ao centro de transmisión por radio, a cousa foise enleando e non había boa comunicación co barco. O acento aló é forte e como xa dixen, eu só levaba escasos 8-10 días, así que o meu nivel de comprensión non era o mellor. Tras unha serie de intentos errados e varias complicacións que xurdiron, rematei dicindo que si a varias preguntas que me fixeron sen comprender moi ben o contido das mesmas, salvo que accedía a axudarlles no que precisaran.

O resultado foi que, sen saber moi ben como nin porqué, acabei montado nun helicóptero de salvamento marítimo que se dirixía ao barco e, cun traxe de neopreno posto preparado para a supervivencia en altamar. Pensaba que era para poder comunicarnos mellor co capitán desde preto, pero unha vez chegados ao lugar e tras novos problemas de comunicación, acabaron baixándome polo ar cun arnés amarrado a un cabo. O intervalo de tempo que estiven xirando no aire coma un trompo, mentres o helicóptero acompasaba o seu movemento ás subidas e baixadas do barco coas ondas pareceume interminable; e aínda que probablemente non pasasen máis de 1 ou 2 minutos, a taquicardia non me abandoou ata que os meus pés se pousaron sobre a  cuberta.

A sorpresa do capitán vasco e a tripulación portuguesa foi maiúscula, cando lles apareceu un biólogo galego na cabina de mando saudando e presentándose para axudar. Tiven que facer de enlace entre a cabina de mando e o porto de Belfast, toda unha experiencia. Cando chegamos a porto aínda rematei atracando o barco co electrotimón escoitando as ordes do práctico que saltara xa á bordo.

A historia acabou saíndo na prensa local, pero para min foi unha grande aventura e desde aquela, rara vez digo que non aos proxectos realmente interesantes que me propoñen. 

¿Una reflexión/cita/idea/persona inspiradora? Elige lo que quieras

É difícil escoller unha, pero gústame moito “ Nullius in verba”, unha locución latina que no século XVII a Royal Society de Londres tomou como lema. Significa perseguir o coñecemento a través de experimentos, sen deixarse influír polas autoridades políticas ou as crenzas imperantes. Outra acepción é “ mira por ti mesmo”, acepta as preguntas que xorden na ciencia ou darredor da túa propia vida, ten curiosidade, pescuda e dálles resposta por ti mesmo. 

 ¿Una sugerencia a las personas educadoras para innovar en educación?

Innovar é escoitar e estar aberto a poñer en práctica novas ideas, materiais didácticos,  actividades, tecnoloxías, dinámicas de ensino-aprendizaxe… sempre encamiñadas á axudar ou a mellorar este ou a súa calidade. Tamén penso que é a posibilidade de identificar problemas e atrancos que xordan dentro da comunidade educativa e darlles solución ou melloralas con certa dose de imaxinación ou creatividade. 

Hoxe en día hai propostas formativas tanto por parte dos centros autonómicos e provinviais (CAFI e CFR) como de asociacións e diversas entidades que cobren a curiosidade e necesidades de moitos docentes. Facer algúns cursos dalgún tema que che interese, polo puro pracer de aprender algo novo e logo tratar de ver se esa nova aprendizaxe podes levala á túa práctica docente, pode ser un primeiro gran paso dirixido á innovación.

Tamén hai que estar moi atentos e mirar para o noso entorno máis próximo. Falar con compañeiros/as do teu propio centro, xa que sempre hai xente interesante facendo cousas marabillosas das que se pode aprender, ou que plantexan cuestións moi interesantes ás que podemos intentar dar resposta. É interesante contrastar con eles impresións e experiencias, para logo aplicalas na túa aula se che parecen proveitosas. Se ademáis se poden facer proxectos en común con outros compañeiros/as e o alumnado, sexan do teu centro ou non, enriquecerá a toda a comunidade educativa e probablemente acabarás innovando na túa práctica docente. Non teñen porque ser grandes propostas; pequenos cambios graduais, tamén poden exercer cambios moi positivos e a súa repercusión, grande. 

Na actualidade, existen numerosas asociacións, así como grupos e comunidades creadas en plataformas web e redes sociais sobre educación e o ensino das diferentes materias. Isto permite ter unha boa perspectiva do que se fai noutras aulas e noutros lugares. Poder formar parte delas intercambiando coñecementos e experiencias entre pares ou participar en proxectos internacionais aportando o teu gran de area é un xeito de abrir a porta á innovación, xa que este tipo de redes colaborativas fomentan a aprendizaxe entre profesorado e alumnado a grande velocidade. 

Medita, proba e contrasta todas estas experiencias co fin de avalialas e ser crítico para incorporar as que realmente se adapten ás necesidades do teu alumnado ou ao teu centro. Algunhas poden parecer interesantes, pero non surtir o efecto esperado. 

Por último, penso que innovar é un xeito moi interesante de manterte activo e cunha actitude moi positiva ao longo da nosa carreira profesional. Fai que sempre teñas algo en mente ou unha idea para fedellar, probar e descubrir algo novo co teu alumnado ou compañeiros/as.