CAST
|
GAL

Vigésima edición (2016-2017)

O colexio San Salvador de Teis, premio Galicia de Voz Natura

 
O Comité Científico do programa de La Voz de Galicia, desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, destacou deste traballo a súa capacidade de sensibilizar á comunidade sobre a necesidade de preservar a riqueza ambiental da súa contorna, o rigor e a responsabilidade dos participantes no proxecto, e a diversidade e orixinalidade das súas actuacións ambientais. Porque non foi unha soa actividade, senón que este centro realizou moitos traballos e en diferentes ámbitos da natureza.

Estes 172 alumnos e o seu claustro de profesores humanizaron o colexio, traballaron no horto e montaron talleres de reciclaxe e exposicións que incitaron a comprometerse a toda a comunidade. Pero non só traballaron dentro do centro, tamén limparon praias e realizaron un extraordinario e concienciador traballo de reforestación no monte da Riouxa.

Para realizar todas estas actividades non estiveron sós, xa que cando o necesitaron, contaron coa axuda das autoridades municipais, diversas asociacións da zona, comuneiros de montes, o IES de Teis e as propias familias dos alumnos que colaboraron no proxecto, o que permitiu facer partícipe a toda a comunidade neste proxecto ambiental.